O alumnado que proveña doutras titulacións diferentes á rama de Ciencias da Saúde ou no caso de que o alumnado estea en posesión dun título oficial español de Graduado ou Graduada, cuxa duración, conforme á normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS, unha vez admitido, deberá realizar os complementos de formación específicos que serán determinados pola CAPD.
Os complementos de formación serán concretados para cada estudante pola CAPD en función da súa formación académica previa, sen que se poidan superar os 15 ECTS. A realización destes complementos será simultánea á tutela académica no programa polo que o alumnado deberá matricularse destes complementos ao longo do programa de doutoramento.
Os complementos de formación específicos serán elixidos pola CAPD de entre as materias de Grao e Máster impartidos no Campus de Ourense e Pontevedra, en función da formación académica previa do alumnado.
Estes complementos serán impartidos polo profesorado das titulacións (Grao e Máster) no período marcado no calendario oficial de cada curso académico. Terán, a efectos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento. Estes créditos non computarán para os efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao Programa de doutoramento.